Épica vitoria dun Obradoiro post-corentena

5 minutes read

Sobresaliente, épica, sensacional, maxistral, son os cualificativos que mellor se axustan á vitoria de Obradoiro C.A.B do pasado sábado no Multiusos Fontes do Sar, ante Retabet Bilbao. E é que, os de Moncho Fernández lograban 2 vitorias nunha. Por unha banda, a puramente deportiva, baseada nun gran deseño táctico, axustando o plan ao milímetro e fundamentada nun continuum de rotacións e optimización dos esforzos, saldada con 80-72. Por outra banda, a segunda e máis importante, a da vida: a vitoria ante o covid 19, que arrasou como un tsunami á case totalidade do persoal Obradoirista, deixándoos sen xogar ao baloncesto desde o pasado 27 de decembro de 2020 en Murcia, fai a friorenta de 34 días.

E 41 días despois do último partido na casa, xa sans pero rengueantes, e con tan só unha semana de adestramentos todos xuntos, volvía reunirse o grupo para facer o que mellor saben: xogar ao baloncesto.

Comezaba o encontro cun quinteto titular condicionado pola situación: os 3 que puideron manter un nivel de adestramentos máis alto durante a “crise”, é dicir Pozas, Beliauskas e Enoch, completado con Czerapowicz e Cohen. As rotacións foron unha constante, sendo Enoch, quen mostraba un mellor estado físico, o último en saír da pista. Era substituído a 1:49 do final do primeiro cuarto.

Sorprendía de inicio o conxunto vasco coas primeiras diferenzas, sustentadas nunha maior velocidade no xogo e incomodando a circulación local, forzando moitas perdas compostelás. As cales foron unha constante en ambos os conxuntos na primeira parte, e onde os de Moncho Fernández levaron a palma. Aínda que, ao finalizar o encontro foron superados polas perdas dos homes de negro.

Facíase grande a figura do MVP do partido, Mike Daum (17 puntos, 5 rebotes e 1 asistencia, para asinar 20 de valoración) quen daba a volta o partido con canastras e liderando un parcial de 11-0. Ben apoiado por Oliver, que minimizou as perdidas e dirixiu con mellor criterio e acerto que o base titular. Terminaba o primeiro cuarto con 6 puntos de diferenza, 25-19 para os locais.

O segundo cuarto foi o máis igualado do partido. O rebote era dominado claramente polos de Álex Mumbrú, faceta onde destacaba excesivamente Balvin (4 puntos, 14 rebotes, 1 asistencia e 11 de valoración), facendo dano a Obradoiro. Con todo, e a pesar de que Bilbao gañou o cuarto, foi por 1 só punto de diferenza, mercé ao acerto en accións individuais de Robertson, sobre todo un triplo forzadísimo, e Oliver. Final do segundo cuarto e Obradoiro, que seguía arriba no electrónico, 42-37. Cinco de diferenza, e ambos os equipos que se encamiñaban a vestiarios.

O terceiro cuarto foi o mellor dos santiagueses e onde cimentaron o triunfo final. Comezaba cun carrusel de faltas do visitante Rouselle, e 2 triplos locais de saída, con Beliauskas e Daum de executores.

Por se isto fose pouco, Moncho sacou o seu particular as da manga: Birutis (6 puntos, 8 rebotes, 3 asistencias e 19 de valoración). Quen a pesar de ser o máis debilitado fisicamente polo virus, acabou xogando 20 minutos e regalando momentos de calidade inconmensurable, que catapultaron a Obradoiro no marcador.

Crecía a diferenza ata os 17 puntos, 58-41 no minuto 28. Pero nun dicir amén, pasábase dos posibles 20 puntos de diferenza, cun triplo de Pepe Pozas errado, a 13. Triplo de Jenkins e os biscaíños axustaban aínda máis o marcador, 60-49. Gañaban o cuarto os galegos 18-12 e a diferenza quedaba en 11 puntos. A pesar de todo, Obradoiro sentía que perdera unha boa oportunidade de romper o partido, e restaba o último cuarto por xogar.

Xa nos últimos 10 minutos, Bilbao basket agarrábase ao encontro. O empuxe de Kulboka e os puntos do máximo anotador sobre o parquet de Sar, Brown (18 puntos, 2 asistencias e 8 de valoración) achegaban aos visitantes cun triplo seu, 71-64 no minuto 37.

Acendíanse as alarmas e preocupaba que Obradoiro caese na precipitación, ao ver correr perigo un resultado que tan preto tiña de levar. Nada máis lonxe da realidade, un cada vez máis sensacional Cohen (12 puntos, 2 asistencias e 12 de valoración) asumía a responsabilidade anotando unha tripla clave. Ademais, os movementos de calidade de Daum xogando de 3, sentenciaban o partido. Finalizaba 80-72 con xogo, set e partido para os galegos.

Sétima vitoria que reactiva ao Obradoiro e achégalle un paso máis ao obxectivo principal: a permanencia. Importante, ademais, non só por como se conseguiu, senón tamén polas circunstancias nas que se competiu. Sen dúbida, matrícula de honra para todo o EQUIPO que funcionou coa precisión dun ourive compostelán. Premio especial para os heroes do sábado, a famosa canción que se converteu nun himno do vestiario Obradoirista: esa que ademais de gustar musicalmente, practican empíricamente.

Agora resta seguir competindo e loitando, tratar de recuperarse fisicamente e coller o ton e ritmo de partidos previo á corentena, canto antes. No horizonte, os partidos suspendidos ante Estudantes, Andorra e Real Madrid. Na inmediatez, próximo partido en Zaragoza ante Casademont, o sábado ás 18 horas. De xogar con esta enerxía, garra, ilusión e entrega, chegarán boas noticias.

Resaltar tamén o debut do novo base, o grego Koniaris, aínda en fase de axuste ao equipo, pero que deixo boas sensacións no pouco tempo que estivo en pista.

A afección do Obra pode estar contenta e orgullosa pois, o seu equipo, deixouse a alma e non se gardou nada.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO