Tres semanas despois das eleccións autonómicas en Cataluña e a poucos días de que se constitúa o Parlament saído das urnas o 14 F, segue sen haber acordo para a formación dun novo Goberno. Este sábado, tanto PSC como ERC, os partidos con maior número de votos, reuniron aos seus consellos nacionais, evidenciando as distancias que manteñen.
Así, mentres o líder de Esquerra e presidente catalán en funcións, Pere Aragonès, urxiu a JxCat e á CUP a alcanzar un acordo con «celeridade», o candidato do PSC á presidencia, Salvador Illa, lamentou que o independentismo busque «repetir unha fórmula fracasada».
Durante a reunión do Consell Nacional de ERC este sábado, Aragonès asegurou que «non é momento de egoísmos» senón de «mirar á Cataluña da próxima década que queremos» e volveu a reivindicar a súa aposta pola «vía ampla» cara á independencia. Para poder chegar a un acordo é fundamental, segundo sinalou, que as conversacións sexan «honestas» e «ambiciosas» e que aborden «todos os ámbitos», sen rehuir ningún deles, «sen vetos» e con «xenerosidade».