O presidente de Turquía confirmou que polo menos 6 persoas morreron e máis de medio centenar resultaron feridas no atentado con bomba perpetrado na céntrica rúa Istiklal de Istambul. O islamita conservador Recep Tayyip Erdogan apuntou que 4 dos falecidos morreron no lugar dos feitos e dous de camiño ao hospital.
«Polo momento polo que me dixo o gobernador… ten aspecto de ser terrorismo. Crese que hai unha muller implicada. Pero tomarase unha decisión definitiva tras a investigación», sinalou o presidente.
A rúa Istiklal, na parte europea de Istambul, é unha das máis turísticas e concorridas da cidade. Os medios locais non poden emitir de forma temporal imaxes do lugar dos feitos nin dar información sobre posibles sospeitosos para non entorpecer a investigación en curso. Ademais, un partido de fútbol da liga turca, que ía ter lugar entre o Besiktas e ao Antalyaspor, nun estadio situado a só 700 metros de Taksim, foi aprazado a outra data, informou a Federación do Fútbol Turca (TFF) na súa páxina web.