A Fundación Érguete Integración achega o seu servizo de orientación laboral a Carballo, para que as persoas en proceso de excarceración ou que xa finalizaron a súa condena, poidan saír adiante no ámbito laboral.
Esta actividade forma parte do programa Itinere, que se enmarca dentro do convenio de colaboración entre a entidade e o Servizo Galego de Saúde para o desenvolvemento de programas para a inserción sociolaboral. O servizo levarase a cabo venres alternos en horario de 09:00 a 12:00 na sala de lectura cedida no Pazo da Cultura, grazas á intervención do departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo.
Segundo a Fundación Érguete, durante a súa intervención no Centro Penal de Teixeiro e o Centro de Inserción Social de A Coruña, atenderon a unha porcentaxe importante de persoas que residían en Carballo ou na súa área de influencia. Por este motivo, viron a necesidade de dar un servizo que pretende dar continuidade ós itinerarios personalizados de inserción que se deseñaron coas persoas usuarias no cumprimento da súa condena, tentando traballar dunha maneira máis integral accedendo ós recursos do entorno para así alcanzar unha inserción sociolaboral real.
O inicio do servizo coincide co ano do 20 aniversario da Fundación Érguete que traballa desde 1999 facilitando a inserción sociolaboral ós colectivos en risco ou situación de exclusión social, estando desde entón a Presidencia á fronte de Carmen Avendaño.