Remata a exhumación das vítimas da represión franquista no cemiterio de Bértoa, en Carballo

3 minutes read

Na tarde deste venres terminou a exhumación que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica estaba a levar a cabo desde o pasado luns no cemiterio de Bértoa, en Carballo. Nela crese atopar os restos de: Francisco Miguel Fernández Díaz, Juan Boedo Pardo, de Pedro Pinilla Calvete e do seu pai Pedro Pinilla Fraga.

Todos eles eran republicanos que foron asasinados por pistoleiros fascistas no ano 1.936. Finalmente atopáronse catro corpos, todos eles con evidencias de morte violenta por arma de fogo. Recuperáronse  varios casquillos de bala e nun dos corpos descubríronse ata cinco proxectís.

Casquillo de bala.

Tras aparecer esta semana a última que faltaba, as catro familias estiveron recibindo permanentemente información acerca dos avances da exhumación e algunhas delas estiveron presentes e viviron cunha tremenda emoción o descubrimento dos restos e o proceso de recuperación dos mesmos.

Agora serán trasladados ao laboratorio que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica ten en Ponferrada, onde serán estudados e tomaranse mostras de ADN para que poidan ser identificados xeneticamente.

Participantes na exhumación e familiares das vítimas.

O Concello de Carballo colaborou en todo momento co equipo da exhumación para facilitar o seu labor. Algúns veciños achegáronse para mostrar a súa solidariedade coas familias e ofrecer calquera tipo de axuda ao equipo da exhumación.

Tanto a exhumación como as probas xenéticas son financiadas cos recursos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que non pide subvencións a ningunha institución porque está en contra dese modelo de procura dos desaparecidos e cree que é o Estado o que ten que crear unha oficina que atenda a todas e cada unha das familias e que non subvencione só algúns casos.

Equipo da ARMH traballando na recuperación dos restos.

Restos dos catro corpos atopados.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?