Errejón dá por pechados os acordos con Compromís en Valencia e a Chunta en Aragón e anunciou máis pactos. Entre estes, contra o que se especulou nos primeiros momentos, non vai estar a En Marea de Luís Villares, que agora di optar por unha fórmula só de nacionalistas. En todo caso, Errejón insistiu en que o seu propósito é concorrer só onde é altamente probable que sumarán:
«Nas horas vindeiras iremos pechando outros acordos, que iredes coñecendo. En todo caso, haberá sitios onde mesmo sen acordos, coa coalición Equo e Máis País, presentemos candidaturas. Xa o dixemos: hai un criterio básico de onde imos concorrer, e non ten que ver cos cálculos de partido. Ten que ver con cálculos de país: alí onde nós sumemos ao bloque progresista, estaremos presentes. O que din as enquisas é que pode ser en moitos sitios, axudando a que o bloque medre».