Escapóuselle o partido nos últimos minutos ao Calvo Xiria fronte ao Ribeiro (31-34)


O Calvo Xiria afrontaba este sábado na casa o seu primeiro partido de máxima esixencia dun total de tres en 7 días. Con baixas importantes nas súas filas o equipo carballés estivo enchufado no encontro máis de 50 minutos. Tras unha primeira metade que acabou con vantaxe mínima para os visitantes, 15-16. Tras a continuación seguiu a igualdade en xogo e resultado e as alternativas de levar o choque estaban parellas. Mediada a segunda parte chegou a recaída de Fran Rey, unha lesión que non lle permitiu seguir na cancha e tivo que abandonar o partido. Máis madeira para unha defensa xa mermada, aínda así o Calvo Xiria conseguiu poñerse por diante no marcador cunha vantaxe de dous goles a falta de 10 minutos, pero foi un espellismo, un ataque moi concentrado do rival fixo augas a defensa local e a vitoria para o conxunto visitante non se fixo esperar, 31-34.