Esclarecen un incendio en Rianxo producido por bombas de palenque durante as festas

1 minutes read

A Policía Autonómica vén de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado sábado, 21 de agosto, no concello de Rianxo que afectou máis de 1 hectárea de monte raso.

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da xefatura da Policía Autonómica en Santiago de Compostela tomaron declaración a unha persoa como presunta autora do lume producido na parroquia de Isorna, que lanzou bombas de palenque con motivo das festas da zona.

Cómpre aclarar que a Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia regula a utilización de fogos de artificio e outros artefactos pirotécnicos na época de perigo de incendios, a cal se debe realizar por persoal cualificado, con autorización do correspondente concello. Nos casos que o risco de incendio sexa declarado extremo prohíbese o uso destes artefactos en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal e entenderanse como revogadas todas as autorizacións concedidas anteriormente para esa data.

A Policía Autonómica remitiu o atestado sobre os feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Padrón.