Esclarecen un incendio forestal no Concello coruñés do Pino


Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela, en colaboración con axentes ambientais do Distrito Forestal III Santiago-Ordes, veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 3 de setembro no concello coruñés do Pino. O lume produciuse no lugar do Amenal e afectou 7.000 metros cadrados de superficie rasa e arborada.

Os axentes da Policía Autonómica constataron durante a súa investigación que había varias cabichas na zona, polo que centraron as súas pescudas en descubrir se alguén estivera fumando na zona. A persoa investigada recoñeceu que fumara no punto de inicio do lume momentos antes de que comezara a arder e recoñeceu que tirara as cabichas sen apagar ao chan sobre a herba seca da finca.

Dado que o incendio se produciu nun momento de perigo extremo de incendio forestal xunto coa aridez extrema e os refachos de vento déronse as condicións suficientes para que o calor da cabicha en contacto co combustible vexetal fino e seco iniciase a combustión na finca e que posteriormente as lapas se propagaran á masa forestal.

As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Arzúa.