Esclarecida a autoría dun incendio forestal no concello coruñés de Toques

1 minutes read
Arquivo.

Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) esclareceron un incendio forestal no concello de Toques, que aconteceu o pasado 28 de marzo no lugar de Fondevila, no que se calcinaron 0,14 hectáreas de superficie rasa.

A investigación do lume realizouse de forma coordinada e conxunta entre os axentes da Policía Autonómica e a UIFO no que se refire á inspección técnica, e determinou que o inicio do lume se debeu á queima realizada previamente dentro do perímetro calcinado.

O incendio iniciouse por unha queima autorizada na finca dunha persoa á que a Policía Autonómica tomou declaración como presunta autora do lume, e que manifestou que un refacho de vento propiciou que se propagaran as lapas polo monte de forma descontrolada. Por iso, ante a imposibilidade de apagalo, decidiu alertar aos veciños, os cales acudiron con 2 cisternas de auga conseguindo sufocar o lume. Os medios de extinción arrefriaron a zona ao chegar ao lugar dos feitos para evitar que se reproducira.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Arzúa. No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 13 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.