Centos de alumnas e alumnos de diferentes idades do CEIP Labarta Pose de Baio e do CPI de Zas participan nas xornadas de educación viaria organizadas polo Concello en colaboración coa Policía Local de Zas e de Carnota.
Para iso instalaron no Pavillón Municipal de Baio un circuito no que os escolares aprenden as normas básicas da seguridade viaria dun xeito práctico e divertido. Andrés Alonso, Policía Local de Zas, é o encargado de impartir estas sesións xunto con membros da Policía Local de Carnota.
As sesións comezan cunha parte teórica sobre as diferentes sinais horizontais e verticais e, a continuación, vén a parte práctica na que uns exercen de peóns, outros de condutores e outros de axentes de seguridade. Para iso facilítase diverso material adaptado ás súas idades tales como bicicletas, patinetes, karts e mesmo unha bicicleta específica para nenas e nenos con mobilidade reducida.