Escolares fórmanse na praza do Obradoiro en reanimación cardiopulmonar co gallo do Día Europeo da Parada


O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu esta mañá á xornada formativa para escolares co gallo do Día Europeo de Concienciación ante o Paro Cardíaco, onde salientou a importancia de integrar a formación de autoprotección e, en concreto, en RCP, “dado que a primeira resposta é moi importante. O que hoxe aprendedes como un xogo mañá pode salvar una vida”. Celebrada na praza do Obradoiro, a actividade consiste nun adestramento masivo para máis de medio millar de alumnos galegos sobre reanimación cardiopulmonar, organizada pola Xunta e o Colexio de Médicos da Coruña.

No transcurso da visita, o conselleiro lembrou que a Xunta ten en marcha o programa RCP na aula, unha actividade pioneira en España que ten como obxectivo que todo o alumnado remate a ESO coñecendo os labores de reanimación e primeiros auxilios, que inclúe formación específica tamén para o profesorado. Desde o curso 2016-17 xa se formaron a máis de 14.000 nenos a través desta iniciativa, que se completa con outras como o Botón de Alerta en centros cun único docente ou Alerta Escolar, dirixido a nenos con patoloxías como a diabete, a epilepsia ou alerxias graves.