O balón do XVI Torneo Internacional F-7 Alevín Concello de Carballo comezará a rodar no Estadio Municipal de As Eiroas este sábado a partir das 10:30 horas.
Despois de dous anos sen poder disputarse pola situación sanitaria, o torneo recupera a súa actividade, e con ela, as Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz funcionarán a pleno rendemento con todas as súas actividades e iniciativas postas en marcha.
Nesta décimo sexta edición, o Torneo Internacional Concello de Carballo, contará coa participación de oito equipos, dos que por primeira vez farao o club de Senegal Académie Caïman FC, que precisamente serán os que darán o pistoletazo de saída á primeira xornada do torneo enfrontándose a un dos mellores equipos galegos como é o RC Deportivo.
Os catro mellores equipos de Galicia de categoría alevín desta tempada daranse cita en As Eiroas polo que se poderá gozar de grandes partidos da man do RC Deportivo, RC Celta, Pavillón Ourense e o alevín Escolas Luís Calvo, que pecha o top catro do ranking. Completarán os integrantes do torneo e que darán grandes enfrontamentos o CD Lugo, o Real Sporting de Xixón e a Selección da Costa Alevín.
