España declara a emerxencia climática

1 minutes read
  • España convértese nun dos países pioneiros en aprobar esta declaración xunto con Francia, Irlanda e Canadá

O Goberno de España declarou de forma oficial a emerxencia climática. Esta declaración foi adoptada este martes no Consello de Ministros para loitar contra o cambio climático.

O Executivo de coalición que preside Pedro Sánchez comprometeuse a adoptar 30 liñas de acción prioritarias, aínda que estableceu poñer en marcha cinco delas nos próximos 100 días de goberno.

A declaración de emerxencia climática no noso país prodúcese como resposta ao consenso xeneralizado da comunidade científica e internacional, que reclaman unha acción urxente para salvagardar o medio ambiente e combater as accións non naturais que repercutirán no sistema climático global. España convértese así nun dos países pioneiros en aprobar esta declaración xunto con Francia, Irlanda e Canadá.

O cambio climático é un feito que non se pode negar. O ano 2019 foi o máis caloroso de Europa e o segundo máis cálido a nivel mundial desde que se teñen rexistros. Segundo a Organización Meteorolóxica Mundial, a temperatura global do planeta subiu 1,1º C desde o período preindustrial; e en España aumentou 1,7º C.

A vicepresidenta de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribeira, defendeu a declaración da emerxencia climática para «ir moito máis rápido» na consecución dos obxectivos ambientais e as políticas propostas por razóns de «xustiza climática» entre países, territorios, xeracións e persoas, por «futuro» do país que require un proxecto ambiental transversal e por «responsabilidade» política fronte ao desafío do cambio climático.