España e Qatar da man para un aumento na subministración de gas


Os reis de España recibiron ao emir de Qatar, Tamim bin Hamad Al Thani e á súa muller. É a segunda vez que Felipe VI e o emir de Catar se ven en poucos días, tras a visita que o rei fixo a Abu Dabhi polo falecemento do pai do soberano árabe. Al Thani estará dous días en España, no ano en que se celebra o 50 aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre os dous países. O emir visitou o Senado, onde salientou os valores en común que comparten España e Qatar, recibiu a chave de ouro da cidade de Madrid e foi agasallado cun xantar de gala no Pazo da Zarzuela. Está previsto que se asine un aumento da subministración de gas a España, que a día de hoxe xa supón o 11 % do total que consume. Qatar tamén xestiona un dos fondos soberanos máis ricos do mundo, e vaise asinar un convenio para investir parte deses cartos en proxectos ligados á transición ecolóxica e o mundo dixital, ademais doutra ducia de acordos de cooperación en diversos ámbitos.