España envía un novo avión con material sanitario para Ucraína


O avión transporta 300 kg de material sanitario con destino a Ucraína e recollerá en Polonia a oito feridos de guerra ucraínos aos que, posteriormente, trasladará a España. Trátase dun avión C- 295 do Exército do Aire e do Espazo en dirección a Polonia. Viaxan a bordo un equipo de aeroevacuación médica, unha tradutora e diverso persoal de apoio. O material sanitario consiste en caixas de primeiros auxilios individuais de combate e respiradores. En Polonia, o material será entregado ás autoridades ucraínas que o solicitaban, e servirá para aumentar as capacidades de atención a feridos causados pola guerra. Este voo pon de manifesto o compromiso que España ten con Ucraína, de proporcionar asistencia continua, e que vai máis do apoio con material militar.