España tamén esixirá unha proba negativa de coronavirus aos viaxeiros procedentes de zonas de risco de Francia que entren por vía terrestre, o que se suma á obrigación de presentar unha PCR a aqueles que cheguen por vía aérea ou marítima, como xa estaba en vigor. Así o recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) deste sábado nunha orde que especifica que o test deberá realizarse nas 72 horas previas á chegada a España e que a orde entrará en vigor en tres días, é dicir, o martes 30 de marzo. A medida aterra no medio da polémica polas festas ilegais e o denominado «turismo de bebedeira», co foco posto nos franceses e en cidades como Madrid, e as comunidades autónomas pechadas en Semana Santa polo aumento da incidencia de casos. Esta norma súmase á que establecía que os cidadáns procedentes de Francia que viaxasen por vía aérea ou marítima tiñan que presentar unha proba negativa, polo que a partir de agora todos os viaxeiros de Francia, entren por onde entren, terán que presentar esta PCR negativa para acceder a España.