España mellora os niveis de emprego previos á pandemia


O emprego alcanza cifras récord en España. O país xa ten máis traballadores que antes do inicio da pandemia. En total 19.824.911 persoas están afiliadas á Seguridade Social, cun aumento de 776.478 nun ano, unha cifra que non se rexistrou desde 2005, cando houbo unha regularización extraordinaria de inmigrantes.

O paro baixou o ano pasado máis dun 20%, cun total 3,1 millóns de persoas sen traballo. Os factores decisivos para estas boas cifras foron o final das restricións, un crecemento sen precedentes do sector servizos tras os recortes polo coronavirus e a mellora do consumo polo desembolso de parte do que aforraran moitos fogares.

O Goberno destaca que xa son dez meses seguidos de descensos no desemprego, o período máis longo da serie histórica. Diminución tamén de traballadores en Expediente de Regulación Temporal de Emprego, algo máis de cen mil, en comparación aos 3,5 millóns durante o confinamento.