España vai unirse aos Acordos de Artemis, impulsados por Estados Unidos e a súa axencia espacial NASA, dentro do obxectivo de volver pisar a Lúa no ano 2025, como paso previo ao salto a Marte da década de 2030, segundo anunciou Pedro Sánchez tras a súa reunión con Joe Biden na Casa Branca.
Os Acordos de Artemis son un tratado internacional, baseado á súa vez no Tratado sobre o espazo ultraterrestre de 1967, que engloba aos gobernos das nacións que desexan participar no programa Artemis, co obxectivo de establecer os principios de cooperación para futuras misións de exploración e explotación civil na lúa, Marte e calquera cometa ou asteroide do sistema solar.
En resumo, estes acordos contemplan un conxunto de normas fundamentais para desenvolver o programa Artemis, que tamén serán necesarias para definir aspectos como a propiedade ou os dereitos de explotación dos minerais que poidan extraerse da Lúa e outros corpos celestes. Estados Unidos non ocultou a súa intención de levar a cabo labores de minería no satélite terrestre.