En plena crise enerxética, Alxeria cortou a subministración de gas a España a través do gasoduto que atravesa Marrocos, un gasoduto importantísimo para a subministración enerxética española, que o ano pasado recibiu por esta tubaxe 6.000 millóns de metros cúbicos de gas. O Goberno alxerino pechou a billa como represalia contra o Goberno de Marrocos, ao que acusa de «prácticas hostís», o que supón un novo banzo no enfrontamento entre as dúas potencias magrebís.
A cuestión é como vai afectar iso a España nun momento no que o país sofre unha escalada imparable dos prezos da electricidade. A dependencia de España do gas alxerino é moi importante. Segundo Enagás, Alxeria forneceu este ano case a metade do gas importado por España, o 47 % exactamente, o que equivale a 15.000 millóns de metros cúbicos. Marrocos di non inquietarse da decisión do Goberno alxerino de pechar o gasoduto e asegura que para o seu sistema eléctrico o impacto será «insignificante». As consecuencias para España aínda están por ver.