España recorrerá a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca en 87 áreas do Atlántico


O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, anunciou que España recorrerá ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca en 87 áreas consideradas ecosistemas mariños vulnerables, recollida no regulamento de execución publicado o 19 de setembro, «que é absolutamente desproporcionada e inxusta». O ministro asegurou que a decisión supón aspectos «altamente lesivos» para a pesca española, e que o Goberno vai interpoñer o recurso, porque asume a defensa dos intereses do conxunto do sector.

En senllas respostas parlamentarias a preguntas do Partido Popular (PP) e do Bloque Nacionalista Galego (BNG) sobre a posición do Goberno ante o citado regulamento comunitario, Planas sinalou que, por suposto, o Goberno de España comparte o obxectivo da conservación e protección dos ecosistemas mariños vulnerables, pero ten que tratarse dunha medida «proporcionada», de acordo aos preceptos da Política Pesqueira Común, é dicir, que sexa equilibrada desde o punto de vista económico, social e ambiental.

Neste sentido, Planas remarcou que este acto de execución non ten en conta toda a información científica dispoñible actualizada, nin se realizou cunha avaliación de impacto socioeconómico. Ademais, contén erros na batimetría, porque a prohibición de pesca márcase para profundidades de entre 400 e 800 metros e hai algunhas zonas que non chegan a ela e outras que son superiores. O ministro informou de que o Goberno está en contacto coa Comisión para que aclare os termos de aplicación dun regulamento que é moi complexo. «Teñan por seguro», engadiu o ministro, que «o Goberno vai facer todo canto estea na nosa man» para evitar os efectos desta decisión da Comisión Europea. Planas asegurou que todas estas accións faias o Goberno en colaboración co sector e as comunidades autónomas.