O Goberno español prevé recorrer as vedas á pesca de fondo de 87 zonas do Atlántico nororiental impostas pola Comisión Europea antes de cinco semanas. Aínda así, estarán vixentes polo menos ata 2023. España ultima o recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pero aínda non está clara a data de presentación. En todo caso, fontes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aseguran que se presentará antes da data límite do 19 de novembro. As vedas impiden pescar a máis de 400 metros de profundidade e prexudican directamente 59 barcos españois dedicados ao palangre de fondo. España destaca contra o veto a idea de que a prohibición se fixou en áreas máis amplas do que sería necesario para protexer os ecosistemas vulnerables e tamén que se baseou nunha información científica inadecuada.
49