Espazo Común Mazaricos denuncia o desmantelamento sanitario no concello

O portavoz de Espazo Común Mazaricos, Javier González, denunciou o deterioro progresivo da atención sanitaria no concello, que cualificou como un «desmantelamento evidente dos servizos públicos no rural».

A formación critica especialmente o peche dos centros de saúde os sábados, unha medida que obriga á veciñanza a desprazarse ata Santa Comba para recibir atención médica, algo que consideran especialmente grave nun concello rural cunha poboación envellecida.

Segundo sinala Espazo Común, a situación agravouse nos últimos meses pola redución de persoal médico, pasando de catro profesionais a tres, chegando incluso a haber momentos nos que un único médico atende a toda a poboación do concello.

Desde a organización tamén lamentan a falta de reacción política a nivel local. «Hai un mes acordamos facer forza conxunta entre goberno e oposición para defender a sanidade en Mazaricos, pero ata o momento non se produciu ningún movemento», sinalou González.

Espazo Común considera que a política sanitaria da Xunta supón «un abandono progresivo do rural, onde se recorta pensando que haberá menos contestación social».

Ante esta situación, a formación anuncia que convocará unha concentración a próxima semana si a veciñanza así  a demanda para defender a sanidade pública no concello.

«Mazaricos non pode quedar calado mentres perde servizos básicos. Defender a sanidade pública é tamén defender o futuro do noso rural», concluíu o portavoz Javier González. 

Related posts

PSOE e BNG levarán de novo ao pleno da Deputación da Coruña unha moción para reclamar a gratuidade da AG-55

Caión acollerá este venres unha xornada de radio escolar con 300 alumnos de 9 centros

Un incendio nun terceiro piso obriga a desaloxar un edificio de catro plantas no centro de Carballo