O concelleiro independente de ESCO, (Espazo Galego Común Mazaricos), Javier González, aclara que o proxecto non é un servizo para os gandeiros do concello, senón un negocio industrial privado para importar máis de 36.000 toneladas anuais de residuos a só 500 metros das casas. Polo tanto, exixirá no Pleno a paralización do expediente, lembrando que coas Normas Subsidiarias vixentes o Concello ten a competencia urbanística para denegar a licenza a esta industria pesada.
Deste xeito fai pública a súa oposición rotunda ao proxecto de macroplanta de biometano en Mazaricos, ao tempo que reitera o seu apoio ás solucións de autoconsumo e economía circular que xa funcionan ou están previstas para as granxas do municipio.
O concelleiro independente de ESCO quixo marcar unha liña vermella clara: «Apoiamos e apoiaremos sempre aos nosos gandeiros e ás instalacións de biogás vinculadas ao autoconsumo das explotacións de Mazaricos. Iso é axudar ao sector primario. Pero o que pretende a Xunta aprobando este trámite ambiental simplificado ás costas da veciñanza é colar unha macroplanta industrial de xestión de residuos externa, que moverá máis de 36.000 toneladas anuais de residuos e puríns a só 530 metros das vivendas».
Incompatibilidade coas Normas Subsidiarias
Desde ESCO lembran que Mazaricos non conta con Plan Xeral (PXOM), senón que se rexe polas Normas Subsidiarias. «Baixo este marco urbanístico, este tipo de industria pesada de xestión de residuos non ten un encaixe automático en solo rústico. O Concello non pode escusarse na Xunta: a licenza de obras e a de actividade son competencia municipal, e a prioridade ten que ser a calidade de vida das veciñas e veciños», sinalou o representante de ESCO.
A formación independente alerta do grave impacto no tráfico pesado polo Camiño Pesadoira e a AC-400 (máis de 100 toneladas diarias de transporte), os cheiros insoportables e o risco de contaminación dos acuíferos e leitos de auga locais pola balsa de dixestato de 9.400 m³.
Por todo isto, ESCO presentará unha moción no vindeiro Pleno para que o Concello amose o seu rexeitamento institucional ao Informe de Impacto Ambiental da Xunta, se exixa unha Avaliación Ordinaria e se utilicen as ferramentas urbanísticas municipais para protexer o concello.