A formación ‘verderola’ critica ao Goberno local do PSOE pola súa xestión a fronte da crise da auga, dado que un documento do ano 2018 xa concluía que a captación de Abuín, a maiores da deteriorización dos seus materiais por falta de mantemento, era insuficiente e non daba abasto.
Espazo Común afirma que «o rexedor, en lugar de actuar, colleu o informe, enmarcouno na parede —preto da foto co Rei— e agardou a que a auga se arranxase soa».
Os gobernos anteriores xa fixeron a parte dura: novas captacións —San Cristovo e San Salvador— e 300.000 € do POS 2019 para conectar San Salvador co depósito de Santa Comba.
Ao actual goberno quedáballe a parte, en teoría, máis sinxela: dimensionar ben a captación. Pero nin o fixo nin deixou facer. Conectáronse os depósitos, si, pero a captación de San Salvador ten un caudal limitado.
Espazo prosegue con que o discurso oficial consiste en culpar os veciños: «Consumen máis auga que un elefante». Pero o informe di que Santa Comba consome 267 l/hab./día, por debaixo da media e moi por baixo dos 440 litros permitidos.
Comunicado completo emitido por Espazo Común Santa Comba
18 % DE FUGAS E 100 % DE ESCUSAS
Pois vaia, o Concello de Santa Comba ten un problema coa auga, pero o alcalde xa deu coa solución: non arranxar a tubaxe, senón arranxar o discurso.
Pois si, hai un informe técnico. Non é un papel de fumar nin unha servilleta do bar. É un documento encargado a PW Advisory & Capital Services (PWACS) en novembro de 2018, asinado por Juan Pablo López, con diagnóstico técnico, económico e administrativo, ademais dunha morea de táboas, gráficas e recomendacións. Nel conclúese que a captación de Abuín non dá abasto no verán, que os depósitos teñen gretas, que se perde o 18 % da auga por fugas e que o contrato con VIAQUA caducou en 2013.
Pero o rexedor, en lugar de actuar, colleu o informe, enmarcouno na parede —preto da foto co Rei— e agardou a que a auga se arranxase soa. O documento parece servir para xustificar subas de taxas, pero non para facer as obras necesarias. É coma ir ao médico, que che diga que tes unha úlcera e ti mercar cortinas novas para o consultorio.
Os gobernos anteriores xa fixeron a parte dura: novas captacións —San Cristovo e San Salvador— e 300.000 € do POS 2019 para conectar San Salvador co depósito de Santa Comba.
Ao actual goberno quedáballe a parte, en teoría, máis sinxela: dimensionar ben a captación. Pero nin o fixo nin deixou facer. Conectáronse os depósitos, si, pero a captación de San Salvador ten un caudal limitado.
É como mercar unha mangueira de 100 metros para encher un vaso e ter a billa rota. A conexión está feita, pero a auga non chega. E, mentres tanto, a roda de prensa serviu para desprestixiar a xestión dos anteriores rexedores mentres os veciños seguen a ducharse con garrafas.
Pero non se preocupen, que hai diñeiro para o importante: reformar a Taberna do Bispo e convertela nun espazo gastronómico para turistas.
Porque, claro, o problema da seca, ao parecer, non se soluciona mellorando a captación, senón con pinchos de tortilla e viño tinto.
Mentres os veciños botan a roupa con auga mineral, o alcalde inaugura tendas gourmet. Unha vila con cortes de auga xa é triste, pero unha vila con cortes de auga e sen un bo polbo á feira parece que xa é un drama humanitario.
Prioridades claras: primeiro o turismo de salón; despois, a supervivencia básica. Como diría aquel: «Se non hai auga para beber, que coman brioche» —ou tortilla, que falta fai.
E mentres tanto, o discurso oficial consiste en culpar os veciños: «Consumen máis auga que un elefante». Pero o informe di que Santa Comba consome 267 l/hab./día, por debaixo da media e moi por baixo dos 440 litros permitidos.
Antes, con 6.000 persoas de festa e as rúas baldeadas, non pasaba nada. Entón, agora, cun consumo menor, se falta auga, a culpa é dos veciños?
Non parece precisamente a explicación máis convincente. O que si aparece no informe é un 18 % de perdas na rede, o que supón case 200 m³ diarios de auga que se perden por fugas.
Pero é máis fácil botarlle a culpa á avoa que rega os xeranios que poñerse a arranxar as tubaxes.
Lema municipal: «Se a auga non chega, é porque ti a bebes toda».
E, como colofón, recortan a piscina municipal «para aforrar auga».
Así, ademais de non poder bañarse na casa, tampouco poderán facelo na piscina. Xenial: se non podemos dar auga, pechamos os lugares onde se utiliza.
E, ao pechar a piscina, a xente pasará máis calor no verán e necesitará máis auga para ducharse. Un círculo vicioso perfecto. Parabéns polo razoamento lóxico.
O informe tamén sinala que o contrato con VIAQUA está en precario desde 2013. Trece anos coa empresa traballando sen contrato, como unha parella de feito sen vixencia legal.
«Non podemos esixir investimentos porque non hai contrato».
E por que non se fai un novo? Porque hai que facer un estudo de alternativas… que xa teñen! O de 2018.
Pero, claro, se asinan un contrato novo, terían que tomar decisións, facer obras e asumir os custos que correspondan, e iso dá moito traballo. Mellor seguir culpando os veciños e agardar a que chova.
En resumo: o alcalde converteu a crise da auga nun espectáculo de circo. O problema é real; a solución, polo de agora, parece unha farsa.
Colleron o cargo sen documentarse suficientemente ou ignorando a documentación que xa existía e agora, ao final da lexislatura, cun orzamento anual superior aos 8 millóns de euros e catro concelleiros con dedicacións parciais de 30.000 € anuais por barba…
Pero non se preocupen, que no programa electoral de 2027 xa prometerán unha desaladora portátil ou unha conexión co río Miño —aínda que sexa mentira—, porque o importante non é resolver o problema, senón parecer que se fai algo mentres se aparca a culpa.
Todo vale con tal de quedar ben, aínda que os veciños teñan que ducharse con garrafas.
Mentres tanto, os veciños, co vaso medio baleiro, miran como se gastan os cartos do POS en abrir tascas gourmet.
«Auga, auga, por favor… pero se é para a Taberna do Bispo, mellor que sexa viño.»