Nova derrota do Obradoiro, no primeiro dos seus partidos aprazados como consecuencia dos contaxios covid19, que arrasaron ao persoal compostelán hai case 2 meses. Esta vez, no Principado pirenaico e ante Morabanc Andorra, o pasado martes ás 20.30 horas cun amplo 90-71.
E é que, o “chef” compostelán, Moncho Fernández, non foi quen de sacar rendemento a un persoal moi tocado no físico e terriblemente desacertado no xogo.
O seu prato saíu malo de solemnidade. Escasa cocción no tiro exterior cuns paupérrimos porcentaxes: 41,93% en tiros de 2 e 36,6% en triplos, mentres que Andorra asinaba 51,35 % en tiros de 2 e 50% en triplos. Eslamiado no rebote: 28 visitantes por 42 locais e pouco feito no tiro libre: 10/13 Andorra por 12/19 Obradoiro. Todo iso aderezado coa augada vinagreta das xa tradicionais perdas de balón e agasallos, con moitísimas segundas opcións para os de Ibón navarro. Resultado, 19 puntos de diferenza e a necesidade de que un Chicote do baloncesto aplaque este pesadelo na cociña de Obradoiro. Urxe unha recuperación mental e física. O parón pola Copa do Rei dá unha marxe de máis de 2 semanas que os de Santiago deben empregar para conxurarse no tramo final de liga e volver recuperar as sensacións do inicio do campionato.
Comezaba o partido cunha perda de balón local, un espellismo, pois os galegos comezarían o seu carrusel particular de concatenación de erros. Pola súa banda, Andorra tamén se mostraba errático, permitindo que, coa saída de Koniaris, Obradoiro apertase o luminoso, 14-10 no minuto 8. A pesar de todo, Obradoiro empeñábase en non aproveitar as súas oportunidades. Baste citar como exemplo as 7 segundas oportunidades que os andorranos conseguiron no primeiro acto e que non castigaron con demasiada virulencia, podendo ser moito peor.
Jelineck (15 puntos, 3 rebotes e 3 asistencias para asinar o mellor expediente andorrano con 15 de valoración) mostrábase intratable, con gran acerto no tiro de 3, xunto con Paulí (14 puntos, 5 rebotes, 4 asistencias e 14 de valoración), quen se unía á particular festa do checo.
Por parte visitante respondía co primeiro triplo de 6 intentos galegos, o mvp onte, Jake Cohen (14 puntos, 5 rebotes, 1 asistencia e 16 de valoración). Resulta rechamante ser o xogador máis valorado con 16 unidades, reflexo claro da tónica xeral de desacerto do encontro.
Finalizaba o cuarto con 18-13 e a sensación de que o marcador non reflectía todo o malo que podía ser.
No segundo cuarto a anotación foi aínda máis baixa, 15-11. O primeiro punto Obradoirista chegou pouco antes do ecuador do acto e de tiro libre. A continuación, Enoch anotaba de 2 e un triplo estratosférico ao límite da posesión. Ao que habería que engadirlle 2 tiros libres anotados por Oliver e un triplo case ao final do cuarto de Beliauskas, que maquillaba lixeiramente o resultado. Leste foi a bagaxe ofensiva visitante.
Por parte andorrana, o caudal ofensivo foi un pouquiño mellor, pero con 15 puntos non era quen de matar o “partido. Jelínek era o único capaz de ver o aro con certa solvencia e o partido íase ao descanso con 9 puntos de diferenza, 33-24 para os de casa. Algarismos de partido de xuvenís.
Restaba un mundo por xogar e a cousa puido pintar aínda máis fea, se Andorra tivese un pouco máis de acerto ofensivo.
Parecía que Obradoiro reaccionaba no arranque. Primeira xogada e triplo de Oliver, poñía o partido en 6, 33-27 minuto 21. Falsa alarma, o equipo dos Pireneos, liderado agora por Senglin, reaccionaba cun parcial de 10-0, 43-27 no minuto 24.
Con todo, Obradoiro non se rendía, os locais cargábanse de faltas: Hannah e Jelínek acabaron con problemas de persoais e apareceu Daum (13 puntos, 2 rebotes, 1 asistencia e 9 de valoración) anotando e deixando o partido en 7 de diferenza, 46-39 minuto 27. Pero a cada indicio de reacción visitante, o conxunto local respondía cun contundente arreón. Controlando en todo momento a “distancia de seguridade” e sen deixar que Obradoiro estivese nunca a “tiro de pedra”. Novo parcial de 11-3 e o terceiro cuarto pechábase con 24-18 e un global de 57-42.
E ese último cuarto máxico necesario para voltear o marcador, tampouco se deu. Andorra limitouse a aproveitar as vantaxes que concedía Obradoiro, anotaban triplas e respondían os simulacros de reacción e refachos castigando con efectividade no lanzamento. O que non houbo nos 2 primeiros cuartos, apareceu no último. Anotáronse máis puntos que en toda a primeira parte, 33-29 nun parcial, tamén para Andorra e 90-71 para finalizar o encontro.
Derrota dura para Obradoiro que deixa tocado un cadro de persoal que vía opcións de gañar o partido na previa, tal e como sinalaba Cohen. Non puido ser e esperemos que a culpa sexa do covid e as secuelas que arrastra. A lóxica así o dita. De non ser así, sería moi preocupante.
Parón que lle vén que nin pintado ao equipo galego, ben para lamerse as feridas, ben para recuperar o ton físico e psicolóxico, nun persoal que, a día de hoxe, manexa ritmos claramente diferenciados.
Clarificador resulta que entre Robertson e Birutis, os máximos artilleiros composteláns, onte anotasen uns paupérrimos 8 puntos. Deles, só 1 o lituano, quen volveu a mostrarse moi fallón na liña de persoal.
Moitos deberes por facer, e toca aplicarse na tarefa. Próximo partido no Multiusos Fontes do Sar contra o temible C.B. Canarias, o domingo 28 de febreiro ás 12:30 horas. Boa oportunidade para ver melloras fidedignas.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO
