Iván Espinosa de los Monteros, decidiu deixar a dirección do partido de Santiago Abascal e renunciar ao seu escano «por motivos persoais e familiares», o que abre unha crise na cúpula da formación, terceira forza no Congreso, pero con menos deputados que na anterior lexislatura.
«Os meus pais non son tan novos, os meus fillos non son tan maiores e, aínda que actualmente todos están ben, pasei suficientes noites no hospital con eles para meditar acerca do momento vital no que me atopo», empezou dicindo nunha rolda de prensa no Congreso, na que ratificou o que xa anunciara previamente aos seus compañeiros de partido nun comunicado.
O que fóra ‘número tres’ nas listas de Vox por Madrid o pasado 23J, explicou a súa renuncia para recoller a acta no Congreso nunha comparecencia sen preguntas na que non fixo ningunha referencia aos últimos resultados electorais do partido nin a súa liña política.
Segundo explicou, non abandona Vox -como se dixo inialmente-, senón que quedará como «militante de base» da formación na que milita desde que se fundou no ano 2013 e asegurou que estará «sempre á disposición dos dirixentes» para «absolutamente calquera cousa» que «necesiten» del.