Esta semana activarase a comisión para seguir a evolución da emerxencia do río Eume


Nesa comisión de seguimento estarán representados persoal de Augas de Galicia, a empresa responsable da xestión do encoro, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas e a empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal, coa posibilidade de incorporar novos departamentos, en función do seguimento e da evolución da situación.

Máis concretamente, por parte do organismo hidráulico da Xunta formarán parte desa comisión a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que asumirá a presidencia da comisión; o xerente de Augas de Galicia, como secretario da comisión; ademais da persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e representantes do departamento de Obras e da área de Calidade das Augas.

No marco da emerxencia declarada no río Eume e no abastecemento de auga do concello de Pontedeume, a Xunta investirá 1,5 millóns de euros, destinando a maior parte desa achega á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal.