A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, completa así neste mes as tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público, realizadas en máis de 30 vías autonómicas das catro provincias, para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
As intervencións concluirán nas estradas da provincia da Coruña AC-445 – VG-1.4 en Corcubión, Cee e Fisterra; na AC-445, tamén en Fisterra; e na AC-554, en Outes.
As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.