Esta semana terán lugar en Santiago as catas dos meles e os queixos de Galicia


Será a XXIV cata dos queixos e a XX cata dos meles e desenvolveranse entre o mércores 1 ao venres 3 de decembro no hotel A Quinta da Auga.

Este certame agroalimentario está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro.

Nestas catas competirán un total de 30 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida con 51 mostras distribuídas entre a DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa e a categoría Arzúa-Ulloa curado, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro nas categorías fresco e curado. No caso dos meles, concursarán 25 industrias de mel, as que inscribiron un total de 43 meles nas categorías de meles monoflorais, meles multiflorais e mel de bosque.

Tanto a cata dos meles como a dos queixos farase baixo a modalidade de “cata a cegas”, que consiste en que os catadores descoñecen en todo momento a que elaborador pertence o produto que están a avaliar. Para conseguir iso, a organización establece un sistema de identificación que garante o anonimato das mostras durante todo o proceso, de xeito que os queixos e meles premiados non se coñecerán ata o día da entrega dos premios, evento xa consolidado no calendario gastronómico galego.

O panel de cata confórmase de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural.