Estabilidade nas lonxas galegas en 2020 malia as dificultades ante a pandemia


Un informe sobre a primeira venda de produtos pesqueiros frescos realizada o ano pasado nas lonxas e centros autorizados de Galicia mostra que a comercialización de peixe se mantivo practicamente estable en relación con 2019 malia as dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus. A poxa das distintas especies de peixe sufriu un descenso do 2,4% en 2020, con algo máis de 138.000 toneladas, o que demostra o esforzo realizado pola frota galega durante o pasado exercicio para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía durante a pandemia.

Trátase dun esforzo que o sector realizou en moitas ocasións malia non ser rendible a súa actividade, como reflicte o feito de que a facturación pola venda de peixe caeu en maior medida que as descargas, un 6%, con algo máis de 300 millóns de ingresos pola súa venda, posto que o prezo medio dos peixes caeu ante a menor demanda destes produtos.

O balance global de 2020 nas lonxas galegas -incluíndo todas as especies- deixa unha caída do 5% nas cantidades comercializadas, ata superar levemente as 150.000 toneladas, e unha baixada na facturación de algo máis do 10%, ata rozar os 413 millóns de euros. Estes descensos débense en boa medida á evolución da comercialización dos bivalvos, cunha caída das cantidades poxadas do 34% e dos ingresos obtidos do 24%, como consecuencia da menor actividade do sector marisqueiro durante boa parte do ano polo peche da hostalería, a principal canle de venda destes produtos.

Esta evolución das descargas e das poxas demostra que o sector pesqueiro resistiu mellor que outras ramas de actividade da economía galego o impacto da crise polo coronavirus. Entre os datos positivos rexistrados malia a pandemia está o prezo medio dos produtos do mar, que acadou en 2020 os 2,75 euros o quilo, o que supón a terceira mellor cotización da serie, que se remonta a 1997, tras baixar desde os 2,94 euros o quilo acadados un ano antes.