Estados Unidos presenta unha demanda por monopolio contra Google


O Departamento de Xustiza dos Estados Unidos, e once estados, interpuxeron este martes unha demanda contra a tecnolóxica Google por monopolio nos mercados de anuncios e buscas en Internet, tras un ano de investigación, co que abre un histórico caso antimonopolio no mercado dixital.

O fiscal adxunto do Departamento de Xustiza, Jeffrey Rosen, explicou en conferencia de prensa telefónica que a demanda subliña que Google sustenta o seu papel de “principal gardián de acceso” a Internet a través de “unha rede ilegal de acordos exclusivos que dana os competidores”.

Entre eles citou o pago de miles de millóns de dólares a Apple para situar o motor de busca de Google como o básico nos seus teléfonos iPhones, e a prohibición de integrar motores de competidores mediante contratos especiais.

Con estas prácticas, agregou Rosen, a compañía “afogou a innovación e a creación de novos Google”.

O xigante tecnolóxico, subsidaria de Alphabet e con sede en Mountain View (California), controla preto do 80 % das busca en Internet nos EUA.

A batalla legal podería prolongarse durante anos, dado o gran músculo financeiro da compañía, fundada en 1998 en Silicon Valley e que é unha das tecnolóxicas de referencia que crearon o mercado dixital global.