- O prazo de preinscrición irá do próximo luns ao 29 de abril
Este luns, 11 de abril, abre o prazo para preinscribirse no programa Ó son do verán, organizado polo Concello de Coristanco para ofrecer apoio á conciliación familiar e laboral.
Ó son do verán é unha iniciativa que xurdiu no ano 2020 e que presenta diversas actividades culturais, deportivas e recreativas para realizar en equipo, fomentando unha metodoloxía integradora e abarcando diferentes bloques temáticos: educación ambiental (itinerarios de identificación de elementos ou reciclaxe artística), animación e convivencia (xogos de resolución de conflitos ou de expresión), cultura (talleres de artesanía) e deporte (sendeirismo ou xogos de habilidade).
Poderán participar nenos de entre 3 e 12 anos. As actividades terán un custo de 10 euros por quenda (o pago farase unha vez se confirme a praza) e realizaranse no centro interxeracional da área recreativa da Rocheira, en horario de 9 a 14 horas.
O prazo de preinscrición remata o 29 de abril e as solicitudes deberán presentarse na biblioteca municipal (primeiro andar do Edificio de Servizos Múltiples) en horario de mañá.
Máis información chamando ao 651 664 908.