Este domingo celébrase a Feira das Cereixas de Paiosaco

1 minutes read

Nesta ocasión a que é a feira de Paiosaco máis importante do ano, e que conta co distintivo de Festa de Galicia de Interese Turístico, será atípica dado que, en cumprimento das normas sanitarias, non haberá os tradicionais actos festivos e limitarase, en exclusiva, á actividade comercial, que se recupera practicamente ao completo.

Con respecto ás feiras realizadas no mes de xuño, na deste domingo flexibilizaranse as medidas de seguridade. É por iso que xa se empregará a totalidade da superficie do recinto feiral, poderanse comercializar todos os produtos (incluídos téxtil e calzado) e agárdase que acudan o setenta e cinco por cento dos comerciantes habituais.

Para garantir a seguridade tanto dos vendedores como das persoas asistentes, os pasillos terán unha amplitude mínima de catro metros e todos os postos terán unha separación entre si de dous metros. Do mesmo xeito que nas últimas feiras, os postos deberán ser montados a partir das 7:00 horas e baixo a supervisión da Policía Local, Protección Civil e encargados municipais da feira.

Unha vez máis, o Concello da Laracha agradece a colaboración dos comerciantes, compradores e asistentes, cuxo cumprimento das medidas de seguridade foi exemplar durante as feiras celebradas en xuño e que se agarda volva a repetirse este domingo durante a Feira das Cereixas.