Unha vez solventadas as diferencias de criterio entre as Administracións central e autonómica, este domingo poderá celebrarse a feira de Carballo, sempre coas debidas condicións de seguridade por parte de vendedores e compradores. A celebración das feiras e mercados realizarase con novas normas, adaptadas á situación de crise sanitaria que estamos a vivir. Deste xeito, por parte da Oficina Técnica Municipal establecéronse corredores e unha nova distribución dos postos para garantir o cumprimento das distancias de seguridade. Neste sentido prégase a colaboración de todas e todos para que se tomen as medidas precisas para poder evitar contaxios.
O Mercado Municipal continúa aberto ao público co horario establecido dende o inicio do estado de alarma, de 08:00 a 15:00 horas, e tamén coas condicións de hixiene e seguridade que se veñen aplicando dende o primeiro momento. Así mesmo, lembramos que durante o tempo que se manteña o estado de alarma seguirá suspendida a limitación do aparcamento na zona azul.