Este luns 27 de outubro celebrarase o primeiro pleno ordinario tras o relevo na Alcaldía de Carballo

Precisamente como consecuencia deste cambio será preciso adoptar varios acordos.

Por unha banda procederase á modificación dos representantes da corporación en órganos colexiados. Por outra, a corporación aprobará o réxime de dedicación exclusiva do alcalde e do concelleiro Daniel Barreiro, que percibirán 50.500 e 42.957,74 euros brutos anuais, respectivamente, por unha dedicación do 100% da xornada.

O propio alcalde, Daniel Pérez, e as concelleiras de Facenda, Belén Lendoiro, e Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, deron conta destes e do resto dos asuntos que integran a orde do día da sesión, entre eles a aprobación da primeira fase do POS Adicional 4/2025. Ao Concello de Carballo correspóndenlle 614.156,29 euros, pero nesta primeira fase unicamente se inclúen 314.568,83 euros para gasto corrente. A cantidade restante destinarase a investimentos, que serán aprobados no pleno de novembro.

Maica Ures tamén explicou polo miúdo a nova ordenanza reguladora dos servizos e dos prezos do programa Concilia, que será aprobada de xeito inicial. O obxectivo, tal como explicou, é flexibilizar e mellorar o servizo para adaptalo ás necesidades das familias actuais, ademais de actualizar as taxas por primeira vez desde o ano 2013.

Tamén se incluirá na sesión, aínda que non figura na orde do día, unha moción presentada polo PP sobre o financiamento da lei ELA.

Related posts

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño

O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión