Este luns abre o prazo de solicitude da nova liña de axudas para pemes e autónomos

1 minutes read

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, pon en marcha un programa que suma case 2 millóns de euros que busca axudar a pemes e autónomos a facer fronte á suba de tipos de xuro que se veñen producindo durante o último ano.

Neste marco, a liña ten por obxectivo aliviar a carga financeira dos titulares de operacións de préstamos directos do Igape, favorecendo así a súa viabilidade económica e a capacidade de reembolso do principal das operacións.

Cómpre salientar que, nestes momentos, o Igape conta cunha ampla carteira de operacións de préstamo, moitos dos cales foron concedidos a tipos fixos moi baixos ou a tipo 0%, contemplando outros xuros variables en función do euríbor ou do tipo de referencia establecido.

Na actual conxuntura, coa suba dos tipos de referencia, prodúcese un aumento moi significativo das cotas a pagar polos titulares destes préstamos a tipo de xuro variable. Así mesmo, nas novas operacións a tipo fixo, o tipo de referencia determinado no momento da concesión resulta moi elevado.

Para aliviar esta situación marcada polo mercado financeiro, a nova liña de axuda subvencionará ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións. Unha porcentaxe que será aplicada sobre o capital vivo de cada unha das operacións de préstamo, en cada unha das liquidacións periódicas. Deste xeito, o programa favorece a viabilidade económica das empresas e facilita a capacidade de reembolso dos préstamos.

Todos aqueles interesados poderán solicitar a axuda desde o luns, 23 de outubro, ata o vindeiro 30 de novembro, resultando beneficiarios os titulares de operacións de préstamos directos concedidos polo Igape, cuxo tipo de referencia a aplicar para determinar o tipo de xuro sexa maior do 0%, e que se atopen ao corrente dos pagamentos.