Este luns actívase o reforzo das conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol


A nova oferta potencia os servizos directos entre as cidades, con 55 expedicións por autoestrada máis cada semana, 11 ao día de luns a venres, o que supón un incremento superior ao 35% destes servizos.

As solucións consisten na atención da demanda específica das franxas horarias da primeira hora da mañá e da primeira hora da tarde, condicionadas polos desprazamentos por motivos de traballo e estudos entre as dúas cidades.

A este respecto, dos 11 servizos por autoestrada que se engadirán cada día, 8 funcionarán nas horas punta. O incremento da oferta permitirá aos usuarios dispoñer de autobuses directos con horas de saída que chegan a estar separadas por só 30 minutos.

Os axustes nas rutas de entrada e saída da Coruña permiten mellorar a atención de puntos de atracción de demanda significativos, como o CHUAC e os campus universitarios na Coruña. O hospital gaña 6 novas expedicións directas ao día, mentres os campus terán un servizo que minimiza o impacto do desvío para o resto de usuarios.

Ademais, nas horas punta substitúense expedicións por estrada entre as dúas cidades por servizos por autoestrada entre A Coruña e Betanzos, mentres outros se transforman en semi-directos, realizando o treito entre Betanzos e Ferrol por estrada.

Estas melloras responden á necesidade de adecuar os servizos ao incremento da demanda na conexión entre Ferrol e A Coruña que se produciu desde mediados de setembro.