Este luns comeza o curso nos centros educativos e tamén na Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo, á que este ano asistirán un total de 654 nenos e nenas de catro a doce anos de idade, distribuídos en 68 grupos. Ao longo do curso realizaranse 2.864 sesións, cada alumno/a da Escola de Natación Infantil recibirá unha sesión semanal de 45 minutos de duración, ata acadar un total de 35 sesións entre setembro e xuño. Este programa acapara máis da metade da demanda das actividades acuáticas que se desenvolven na piscina municipal Vila de Noia, e cada semana impártense 80 sesións.
As persoas que precisen información máis detallada sobre o funcionamento da Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo poden poñerse en contacto coa área de Deporte a través do enderezo electrónico carballodeporte@carballo.gal, chamando ao 981702109 ou presencialmente nas oficinas “Carballo Deporte” na rúa Vila de Corcubión.