Este luns empezará a funcionar o teléfono para asesorar ás vítimas de ocupacións ilegais de vivendas

Foto.- Conchi Paz.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Consello da Avogacía Galega (CAG) formalizaron un acordo de colaboración para garantir durante un ano asesoramento especializado e gratuíto a todas aquelas persoas que se vexan afectadas pola ocupación ilegal da súa vivenda. Deste xeito, a Xunta compromete unha partida de 27.000 euros para sufragar os custos do servizo mentres que o CAG achegará os profesionais necesarios para atender por quendas todas as consultas que se reciban, tanto por teléfono como vía online.

O obxectivo é ofrecer asesoramento profesional gratuíto para que as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente saiban como actuar ante esta situación. A orientación será prestada por profesionais especializados e comprenderá todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial que garden relación cos dereitos e obrigas dos afectados.

Tras a sinatura do convenio, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que a atención por teléfono prestarase a través do número 900 121 221 e estará operativa xa a partir do vindeiro luns, 7 de decembro. O servizo telefónico será atendido entre semana en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 14:00 horas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha