Este luns reanúdase o punto limpo e a recollida de voluminosos na Laracha

Ayuntamiento de A Laracha

  • Cogami será a empresa encargada deste servizo, que por primeira vez inclúe a recollida de aceites domésticos

Nun acto desenvolvido nas propias instalacións do punto limpo da Laracha, este xoves formalizouse a entrega das instalacións e dos seus equipamentos complementarios a Cogami, que a partir deste luns será a encargada da xestión deste servizo do que ata o de agora se encargaba Aspaber.

O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu o labor desenvolvido pola última empresa concesionaria desde 2013, apuntando que nestes oito anos «demos un impulso ao punto limpo e incorporamos novos servizos como a recollida domiciliaria de voluminosos». O rexedor deu a benvida aos representantes da nova xestora, sinalando que por primeira vez tamén se encargará da recollida de aceites domésticos. Por este motivo será necesario instalar contedores especiais nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.

Con motivo da posta a punto das instalacións, durante esta última semana e ata este luns o punto limpo está pechado ao público. O horario será o mesmo de sempre: os luns de 15:00 a 20:00 horas, os mércores e venres de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 h.

A recollida de voluminosos tamén volverá estar operativa desde o luns. O novo teléfono gratuíto para solicitar o servizo é o 900 701 120.