Este luns será o último día no que poderán mercarse entradas para asistir á Festa-Homenaxe aos maiores da Laracha, evento que se celebrará o sábado 18 de maio e que está incluído no programa municipal para festexar as Letras Galegas.
Todos os veciños do Concello que sexan maiores de 65 anos de idade, xubilados ou pensionistas poden adquirilas no edificio administrativo da Laracha ao prezo de dez euros.
A Festa-Homenaxe desenvolverase no pavillón do IES Agra de Leborís. Ás 13:00 horas oficiarase unha misa na propia instalación, a continuación será o xantar e, por último, haberá baile con música en directo.
O Concello da Laracha organiza cada ano este evento co propósito de facer un homenaxe á terceira idade ao mesmo tempo que se lles ofrece unha alternativa de ocio e unha xornada festiva que poderán disfrutar en compañía de familiares, veciños e amigos, reforzando as relacións sociais entre as persoas maiores do municipio.