Este luns xa se pode solicitar o Bono promovido pola Rede Española de Albergues Xuvenís


Este venres tivo lugar a presentación da nova campaña promovida pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) para reactivar as estancias de mozos en albergues. A través da campaña ‘Bono Albergues REAJ’ ofreceranse a partir do 18 de outubro 800 bonos para que as mozas e mozos de entre 18 e 30 anos poidan elixir entre as 70 instalacións da súa rede.

No caso concreto de Galicia, os complexos xuvenís adheridos a esta campaña son: Albergue Equal Sociedad Cooperativa Galega (Coles, Ourense), Albergue Bela Muxía, Albergue Monte do Gozo (Santiago de Compostela), Albergue Gandarío (Bergondo), Albergue LUG2 (Lugo) e Albergue O Castro (Vigo).

A través desta campaña poñeranse á disposición da xuventude 700 bonos individuais de 30 euros e 100 para grupos valorados en 200 euros cada un. Unha iniciativa dirixida a reactivar un sector que sufriu as consecuencias da crise socioeconómica provocada pola covid-19 e a dar a coñecer á mocidade a rede de albergues de España.