Este martes alerta laranxa por temporal no litoral noroeste da provincia de A Coruña


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar para este martes a alerta laranxa por rachas de vento do leste forte de forza 8.

Trátase dun fenómeno meteorolóxico costeiro adverso, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que dará comezo o martes ás 9:00 da mañá e afectará o noroeste da provincia da Coruña.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada; á Deputación, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Permanecer lonxe da costa, praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos ou todas aquelas zonas que podan ser varridas polo mar.

Estado do mar de vento este luns na costa de Malpica.