Este martes remata o prazo para formar parte da brigada municipal contra incendios da Laracha

Imaxe de arquivo dunha brigada de incendios forestais_Cedida

  • Contrataranse 10 persoas que contarán cun contrato a xornada completa por tres meses.
  • Tamén se inicia o procedemento de contratación do persoal de limpeza de praias e a súa contorna.

Este martes remata o prazo de presentación de solicitudes para participar no procedemento de selección do persoal de cara a formar parte das brigadas municipais de prevención, vixilancia e defensa contra incendios. A oferta de emprego alcanza as 10 prazas coa intención de crear dúas cuadrillas integradas por un xefe de brigada, un peón-condutor e tres peóns. As bases da convocatoria poden consultarse na web do Concello da Laracha (alaracha.gal).

Os contratos son a xornada completa e terán unha duración de tres meses. O sistema selectivo será o concurso oposición libre, cunha valoración da formación e experiencia profesional de cada aspirante así como unha proba das aptitudes físicas, un exame práctico e, de ser o caso, a proba de coñecemento da lingua galega se non se acredita o nivel.

Persoal de limpeza de praias e a súa contorna

Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns os anuncios e as bases das convocatorias de selección de persoal para a limpeza de praias e os espazos medioambientais da súa contorna. A oferta é para contratar dous capataces e catro peóns, e o prazo de inscrición é de cinco días hábiles a contar desde este martes. En todos os casos os contratos serán a tempo parcial (30 horas semanais) e cunha duración de tres meses.