Este martes rematará o prazo de ofertas para a concesión da cafetería do Centro Sociocultural de Paiosaco

2 minutes read

O martes 25 de agosto rematará o prazo de presentación de ofertas para a concesión da xestión e explotación da cafetería do Centro Sociocultural de Paiosaco. A iniciativa faise co obxectivo de volver a poñer en funcionamento está instalación municipal que, ademais de prestar o servizo como establecemento hostaleiro, tamén fai as veces de punto de encontro e convivencia para a veciñanza.

As persoas interesadas deben presentar a súa proposta a través da Sede Electrónica do Concello da Laracha (sede.alaracha.gal). Se desexan ampliar información, poden contactar co Concello para recibir asesoramento sobre o procedemento.

O contrato ten unha duración de cinco anos. O canon mínimo a abonar pola concesionaria establécese en 1.200 euros anuais, unha contía que coincide co gasto estimado dos servizos de subministración de electricidade e auga do local que asumirá o Concello, favorecendo así unhas condicións económicas que faciliten a prestación do servizo.

O local municipal entregarase completamente equipado co equipamento necesario para o desenvolvemento da actividade, de xeito que unha vez formalizado o contrato se poida poñer en funcionamento á maior brevidade e nas mellores condicións.

A cafetería do Centro Sociocultural de Paiosaco constitúe un servizo que complementa a intensa actividade que diariamente rexistra esta instalación municipal, na que se atopan a biblioteca, aulas destinadas a cursos e programas formativos, espazos empregados polo tecido asociativo e o auditorio no que se desenvolven numerosas propostas culturais e sociais ao longo do ano.

Con esta licitación o Concello reafirma a súa aposta por manter vivo unha instalación municipal que transcende o propio servizo de hostalaría para converterse nun lugar de encontro aberto a toda a veciñanza. Ademais de favorecer a actividade económica local, preténdese consolidar un espazo que contribúe a fortalecer a convivencia, dinamizar a vida social de Paiosaco e ofrecer un servizo de calidade ás persoas que participan na ampla programación que acolle o Centro Sociocultural.