Abre na Laracha a inscrición no servizo de conciliación durante o verán

Imaxe de arquivo do CEIP Otero Pedrayo en A Laracha

O Concello abre este mércores (18 de maio) a inscrición para o servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o verán, desde o remate do actual curso escolar e ata o comezo do próximo no mes de setembro.

O servizo estará en funcionamento de luns a venres en horario de 8:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo e vai dirixido a todas as crianzas de entre 3 e 12 anos de idade que estean empadroadas no termo municipal da Laracha.

Ofreceranse dúas modalidades, con ou sen almorzo (servirase de 8:00 a 9:00 horas), segundo as necesidades de conciliación de cada usuario. En todo caso incluirase a acollida, coidado, vixilancia e actividades educativas e lúdicas por parte de profesionais especializados. Tamén poderá solicitarse o servizo de conciliación fixo para todos os días ou ben de maneira puntual en xornadas soltas ou en determinadas horas.

As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares. A preinscrición debe formalizarse entre este mércores e o día 15 de xuño.