Este mes convocarase unha liña de axudas para a recuperación de vivendas de titularidade municipal

1 minutes read

Será a sexta convocatoria do programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal, dotado dun orzamento de 2,1 millóns de euros. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou este martes que o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a ultimar o texto da convocatoria de 2022 deste programa, que “ten espertado moito interese entre os concellos galegos».

Recordou que o programa de vivendas municipais é unha das liñas para fomentar a recuperación de inmobles e edificacións que establece o Pacto social pola vivenda 2021-2025, pensado especialmente para os concellos de menos de 20.000 habitantes, co fin de que poidan ofrecer unha solución habitacional, en réxime de alugueiro, aos seus veciños.

En base a este programa, as administracións locais beneficiarias acceden a unha axuda que pode chegar ata o 90% do orzamento, ata un máximo de 40.000 euros; que no caso dos concellos cun centro histórico ou emprazado no Camiño de Santiago, pode alcanzar os 48.000 euros.