O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a apertura este sábado dos centros de vacinación masiva para que calquera galego que non estea vacinado poida acudir sen necesidade de cita e recibir a súa primeira dose; así como a habilitación o luns e martes da vindeira semana -13 e 14 de setembro- de puntos de vacinación nos sete campus galegos para que, tamén sen necesidade de cita previa, a poboación universitaria que aínda non teña a vacina poida acudir a recibir a súa dose.
Destacou os avances que se teñen rexistrado no proceso de vacinación na Comunidade, onde un 92,5% da poboación diana xa conta cunha dose e o 85,8% da poboación susceptible de vacinarse xa se atopa inmunizada.
No tocante ás novas medidas aprobadas, precisou que, se ben nacen con vocación de permanencia, poderán ser revisadas se as condicións epidemiolóxicas e hospitalarias cambian dun xeito abrupto.
Así, en relación aos niveis de restrición de cada concello, Feijóo subliñou que dada a evolución da pandemia, desde a entrada en vigor das novas medidas o vindeiro sábado, non haberá ningún municipio galego en nivel máximo de risco: Melide e Monforte baixarán do nivel máximo ao nivel alto, onde tamén estarán Viana do Bolo, Curtis e A Pobra de Trives; outros 16 concellos estarán no nivel medio, incluído Ordes; e 292 quedarán no nivel medio-baixo. “É dicir, o 93,3% dos concellos e o 90,3% da poboación galega estará desde esta fin de semana no nivel máis baixo de restricións”.