Arrinca a programación de verán da Mostra de Artesanía en Vivo no Castelo de Vimianzo

1 minutes read
  • Desde este sábado e ata o 15 de setembro o horario da mostra será de 10:30 a 14:00 e 16:00 a 20:30 horas de martes a domingo

A Mostra de Artesanía en Vivo de Vimianzo arrinca este sábado coa programación de verán. A sede das actividades será o Castelo, onde os visitantes poderán coñecer en directo as técnicas tradicionais que se desenvolven no icónico enclave ata o 15 de setembro en horario de 10:30 a 14:00 e 16:00 a 20:30 horas, de martes a domingo.

Entre os artesáns e artesás que estarán presenta na senlleira construción atópanse as especialistas do encaixe na vila vimiancesa, a Asociación de “Panilleiras” As Nemanquiñas de Vimianzo; a Asociación de Veciños o Santiaguiño de Carreira (telar) e a Asociación de Amigos do Liño de Galicia (proceso textil) ou o maquetista de barcos, Chema Suárez. A artesanía de prata e vidro será mostrada grazas a Esther Ferreiro, mentres que os traballos en palla será realizados pola Asociación Arte en Palla de Baíñas. A olaría de Buño tamén estará moi presente co Obradoiro Lista e Cambón, así como os traballos en coiro e papel que elaboran desde a Asociación Aspadex.